Saturday 04 de May de 2024

A Xunta de Galicia publicará mañá no DOG a incoación para declarar Ben de Interese Cultural os murais de Urbano Lugrís da rúa Olmos da Coruña


— A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades inicia así o procedemento para outorgarlle a máxima protección ao conxunto mural logo de recibir os informes realizados polo Concello da Coruña

— O expediente valora que estas 12 obras merecen formar parte do patrimonio cultural máis significativo de Galicia pola súa calidade e contexto artístico

A Xunta de Galicia publicará mañá no Diario de Oficial de Galicia a incoación para declarar Ben de Interese Cultural (BIC), na categoría de monumento, os murais de Urbano Lugrís da rúa Olmos da Coruña. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades inicia así o procedemento para outorgarlle a máxima protección patrimonial ao conxunto mural feito polo pintor coruñés logo de recibir os informes realizados polo Concello da Coruña.
Á hora de incoar o expediente -o que supón xa a protección inmediata do ben- os técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural valoraron que as 12 obras que compoñen o conxunto mural merecen formar parte do patrimonio cultural máis significativo de Galicia pola súa calidade e contexto artístico e para garantir a súa conservación e proxección cara ás futuras xeracións.
Así mesmo, o expediente destaca tamén a calidade artística destas obras realizadas por unha das personalidades máis destacadas da arte galega que pasou a formar parte do imaxinario colectivo. Neste senso, ponse en valor que se trata dunha obra de arte complexa que ten un carácter excepcional dentro de toda a produción artística de Urbano Lugrís ao no conservarse ningún conxunto desta natureza que de testemuño do nivel que chegou a adquirir no ámbito da composición e da creatividade na decoración de interiores.
Por outro lado, tense en conta que este conxunto constitúese como o testemuño más evidente das experiencias persoais e culturais que marcaron a definición dun estilo propio e único, xa que reflicten os diferentes mundos do universo lugrisiano anteriores a outras influencias aprendidas: o teatro de monicreques, os seus anos de inmersión nas coleccións e biblioteca Massó ou a atracción polo fondo mariño e as panorámicas costeiras galegas.
O conxunto mural da rúa Olmos está composto por pezas que formaban parte do antigo local de hostalaría que ocupaba os andares baixo e primeiro de ambos inmobles. O pintor deseñou estas pinturas para o Restaurante Fornos, un popular local que forma parte da identidade coruñesa e da súa memoria social que xa existía no século XIX.
Trátase dun total de 12 pezas que presentan diferentes estados de conservación e nas que se representan estampas como a mariña coruñesa, fondos mariños con peixes, algas, sereas ou medusas; motivos mariñeiros como barcos, veleiros, áncoras ou galeóns ou panorámicas da cidade, entre outros temas. Así, entre os elementos que aparecen representados destacan a Torre de Hércules, a antiga Comandancia da Mariña da Coruña ou o Castelo de San Antón.
A incoación do expediente para a declaración como Ben de Interese Cultural xa foi comunicada ao Xulgado Mercantil número 3 da Coruña, encargado do proceso concursal. Agora, tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, a Administración autonómica disporá dun prazo máximo de 24 meses para completar o expediente. Deste xeito, unha vez recibida a documentación solicitada ao Concello da Coruña traballouse arreo para dar a máxima protección patrimonial, efectiva xa desde a publicación, tendo en conta ademais o interese común por manter as obras na cidade da Coruña, a importancia de que non se disgreguen e se manteñan xuntas no futuro, así como a posibilidade de que sigan sendo públicas, garantindo o acceso á cidadanía en calquera situación.